Sunday 12 de May de 2024

O Concello da Pobra habilita varias zonas para o estacionamento durante o Nazareno de 2023


Cara a facilita-lo estacionamento na Pobra do Caramiñal con motivo das festas do Nazareno que se desenvolverán do día 15 ao 18 de setembro, o Concello habilita varias zonas xa recorrentes nas celebracións: no Gadis situado nos Areos (noite do sábado e todo o día do domingo e do luns), no aparcadoiro da rúa Venecia, no de San Lázaro, no Campo da Feira, na explanada portuaria e nas proximidades de acceso ao CEP Salustiano Rey Eiras estará permitido en ámbolos lados da vía, respectando os vaos e sempre que non se obstaculice a circulación.

A maiores, dada a afluencia de xente prevista para a procesión votiva das mortallas, neste ano incorpóranse dúas novas áreas unicamente para o domingo 17: nas inmediacións de Escurís (rúa Manuel Murguía, de 07.00 a 23.00 horas) e no interior do recinto do colexio de Bandaseca.

No que respecta aos autobuses que se despracen á localidade no terceiro domingo do mes co gallo do evento relixioso, deberán efectua-la parada na explanada portuaria.

Cómpre indicar, ademais, que a praza Alcalde Segundo Durán non estará á disposición durante estes días por constituí-lo centro neurálxico no desenvolvemento das actividades que forman o cartel.